PONTEVEDRA/Natalia Puga/AGARESO.- Fran Román leva dez anos adicando a súa vida a axudar a mellorar as condicións de vida dos máis desfavorecidos. Dende a ONG Médicos sin Fronteras ten traballado en países como Angola, Kenia, Bolivia ou, na actualidade, Uganda e tense enfrentado a situacións moi duras que lle cambiaron totalmente a vida. Durante descanso do seu traballo polos demais na súa Redondela natal, fai para Agareso un repaso da saúde que vive a axuda humanitaria.
Presenciar desastres humanitarios ou situacións extremas vividas en países en conflicto bélico fai extremecer a todo telespectador que se atope diante da pantalla de televisión, pero moi poucos reaccionan coma Fran Román. Traballaba de enfermeiro no Hospital Xeral de Vigo cando se atopou de bruces coas imaxes do xenocidio de Ruanda no ano 1994 e tocáronlle tan fondo que decidiu empezar a colaborar coa oenegué Médicos sin Fronteras (MSF). Tres anos despois, en 1997, partía da súa Redondela natal rumbo ó primeiro dunha decena de proxectos no exterior, nos que ten almacenado tantos recordos e coñecementos na mochila que fan que agora non lle tambalee a voz ó recordar que “xa non queda case nada daquel rapaz que colleu o avión por primeira vez, moito teño madurado nestes anos e moito cambiou a miña maneira de ver o mundo”. Polo camiño deixou “aquel idealismo dos primeiros anos”, foi adquirindo un espíritu cada vez máis crítico de cara á sociedade occidental e, sobre todo, na súa loita por sacar do olvido ós máis débiles, está convencido de que “fíxenme mellor persoa”.
De vacacións en Galicia, repasa as súas estancias nas inundacións do río Tana en Kenia, nos campos de refuxiados de Darfur ou en Bolivia, pero, sobre todo, venlle á mente Uganda, onde ten establecida a súa residencia dende marzo de 2008, e onde exerce de coordinador médico dos proxectos de Médicos sin Fronteras no país, un dos máis azotados polas guerras do continente africano e un dos de menos proporción de médicos por habitante. Dende a localidade de Kampala, ó sudeste do país, traballa a camiño entre dúas localidades nas que xestiona dous proxectos que o manteñen totalmente ocupado e implicado ó cen por cen: un hospital rural con consultas externas e sala de maternidade e de tratamento do VIH que ten como aspiración convertirse nun centro de referencia na zona cando se solucione o conflicto bélico actual e un programa adicado á nutrición dun xeito global “porque é unha deficiencia que temos detectada en moitos proxectos e que aquí se agravou moito”.
Fran Román ten vivido situacións moi críticas dende que en Angola vivira de primeira man a morte da poboación a causa da guerra, da fame e de enfermidades curables en Occidente, coma o xarampón. Entre 2002 e 2004, traballou en Bolivia como coordinador dun programa para combater o chamado Mal de Chagas ou ‘enfermidade do sono’, que nalgunhas zonas afecta a un de cada catro nenos. Viaxaría despois á conflitiva rexión sudanesa de Darfur, onde lle impresionou o drama de milleiros de desprazados e das rapazas vítimas da violencia sexual. Coa axuda de persoal local, loitaban tamén cada día contra a desnutrición de centos de nenos nos campos de refuxiados. Este enfermeiro expatriado houbo de pasar por algunha situación complicada a causa do fogo cruzado e retencións nos puntos de control militar. Román estivo asemade con Médicos sen Fronteiras no sur do país e mais na epidemia de febre hemorráxica polas inundacións do río Tana en Kenia.
Nestes anos aprendeu que ser un bo coñecedor das técnicas sanitarias non é suficiente cando te atopas nun país en conflicto, senón que é igualmente importante manexar as relacións coas persoas e tamén o tempo, “chegar a tempo porque a maior parte dos falecidos morren ás catro horas por ferida de guerra”. “Non é só unha cuestión de coñecementos médicos, senón tamén de material de traballo e de que a situación arredor sexa a idónea”, conclúe e fai referencia a que o seu traballo se ve complicado na actualidade polas dificultades de acceder ós países con maiores problemas como poden ser Irak, Afganistán ou a Franxa de Gaza e, en caso de que pasen as fronteiras, de poder chegar a quen necesita a súa axuda. “Se non podemos entrar, non podemos facer nada. E isto é novo”, sinala, para engadir que “ata fai uns anos había unha serie de convencións polas que podiamos acceder a eses países, pero agora temos moitos atrancos e un deles é a nosa propia seguridades porque nos convertimos moitas veces en obxectivos. Outras veces o problema é, como no caso de Darfur, que che rouban o material co que tes que traballar ou cando te encontras cunha censura de destrozos e de roubos” e todo isto ven porque “para moita xente a nosa presencia é moi incómoda porque representamos moito da liberdade contra a que loitan os tiráns e porque saben que podemos dar a coñecer o que vemos que pasa en realidade nesa terra”.
A dificultade das situacións nas que se ven rodeados a diario fai que a saúde mental tanto dos traballadores sanitarios como da poboación á que atenden sexa un aspecto que se está a reforzar “porque estamos a ver que normalmente un o que espera é que o que mais se vai atopar son feridas pero outras veces dámosnos conta de que o dano mental que quedou na población e o mais grave”. No seu caso, recoñece que “as condiciones nas que traballamos favorece que se creen patoloxías mentais” e reflexiona sobre o cambio radical que tivo a súa vida e a adición que xa ten de adicar todo o seu tempo a axudar ós demais. “Non sei se estou enganchado”, admite “pero a verdade é que gosto do que fago”.
A pesares de que viviu situacións moi duras, sinala que o máis difícil para el segue sendo “a asistencia a mulleres vítimas da violencia sexual, moitas veces violacións múltiples”. “Vin moita agresividade en Uganda e moita morte noutros sitios, pero ver como tratan ás mulleres é algo que marca”. Imaxes coma esas fixéronlle abrir os ollos e “valorar cousas que non valoraba, darme conta das cousas que realmente son importantes” porque, na sú opinión, “calquera que vai a algún destes sitios cambia e eu creo que para ben”. No seu caso, cambiou a nivel profesional porque “no primeiro proxecto tiña moitas carencias, cousa que a día de hoxe teño superado e fago o meu traballo a nivel aceptable” e tamén no plano persoal porque “naquel rapaz de fai dez anos había unha ilusión e unha paixón que xa non está, agora son mais consciente das dificultades, un cando empeza ten un toque idealista que se desgasta”.
Neste cambio radical ten influido, especialmente, a impotencia que chegou a vivir en moitas das experiencias que tivo e tamén que “vas aprendendo a convivir coa idea de que hai cousas que non podes arranxar, que non podes ir moito máis alá que facer o teu traballo e intentar facelo o mellor posible. Non podemos facer máis se non hai maior implicación da sociedade e a xente non nos escoita”. Precisamente, esa impotencia foi a que espertou a maior rabia contra a sociedade occidental, pois está convencido de que “claro que se pode facer moito máis, pero habería que cambiar a maneira de ver o mundo de moita xente., habería que cambiar mentalidades”.
Na súa loita persoal por lograr unha maior conciencia social aprecia oportunidades coma a que lle deu en febreiro a asociación Atesga, que adicou boa parte do seu III Congreso de Persoal Técnico de Emergencias, que celebrou en Cangas, á cooperación internacional e lle deu a oportunidade de opinar que “para mellorar a axuda humanitaria fan falta máis decisions políticas, pero é complicado que se tomen se a xente no ve que é importante e necesaria”.
Neste foro, Román expricou que as catástrofes naturais supoñen só o 4% das intervencións de Médicos Sin Fronteras, pois a meirande parte do traballo se desenvolve nos conflitos armados. Neste marco, a organización atende á poboación civil sen aceptar presións políticas, relixiosas, militares ou económicas, xa que “a independencia é fundamental para chegar ás vítimas de calquera guerra” e realizar unha valoración imparcial das necesidades, exercendo o control das accións que levan a cabo, ademais, destaca que presenza de MSF, en moitos paises “protexe á poboación civil de non ser atacada, tamén porque somos testemuñas que podemos dalo a coñecer”.
REPORTAXES ANTERIORES
Autismo-Ourense: da utopía á realidade
Terra Santa, onde as flores están prohibidas
Cooperación de banda ancha no 60 aniversario dos dereitos humanos
Pequenos concellos de Ourense con inversions nos ‘Bancos de Tempo’
Mellorar a policía afgana para dar maior seguridade á poboación
A sociedade ourensana orfa dun ser excepcional
O laboratorio autobiográfico da liberdade
Contos para formar pequenos cooperantes
Obxectivo Kenia: nacer sen VIH
Cando Galicia toca o corazón do Sáhara
¿Está deshumanizada a Xustiza do século XXI?
Recios estereotipos distancian as mulleres africanas das europeas na filosofía de vida
Voluntarias galegas remiten unha epistola dixital con aires da outra beira do estreito
Os “piratas do mar” danlle a volta á lenda
Em vésperas do novo congreso mundial sobre VIH/Sida na Cidade de México
"La Mara 18": Cando os presos fanse co control da prisión
A Asociación Juan XXIII: "Viaxe ata o medio século de compromiso no planeta da integración
O envés do top manta, segundo Cunqueiro