María Isabel Crespo vivía coa súa filla de trece anos nun piso de dúas habitacións na rúa Rosalía de Castro. Ó igual que a maoría da poboación adulta facía fronte cada mes ó pago dunha hipoteca, cos conseguintes esforzos financieiros dunha nai separada cunha única fonte de ingresos. A pesares de todo, lograba sobrevivir e tiña unha existencia tranquila, ata que a Xustiza se cruzou no seu camiño.
PONTEVEDRA, Natalia Puga (Foto: Javier Cervera)/AGARESO.- Noites sen durmir, moitos quebradeiros de cabeza e cartos gastados en avogados durante catro anos non a salvaron da terrible situación de tensión que viviu o mércores 14 de maio: o reloxo marcaba as once da mañá cando o secretario e dous funcionarios da Sección Terceira da Audiencia Provincial de Pontevedra se presentaron no seu domicilio e lle comunicaron que debía abandonalo porque fora subastado ás súas costas e os novos donos querían ocupalo.
A estabilidade vital que tanto lle conseguira atopar despois dun matrimonio fallido e dos problemas xudiciais do seu marido acababa de irse abaixo e incluso temía perder a súa praza de interina no Servizo Galego de Saúde porque os nervios e a tensión acumulados non lle permitían estar centrada no seu traballo.
Esta é a Xustiza que ten España, a Xustiza que ten como fin primordial facilitar a convivencia cidadá. Unha Xustiza deshumanizada que estivo a piques de pór na rúa a unha nai que pagaba relixiosamente a súa hipoteca e que o único polo que loitou sempre foi por darlle un futuro mellor á súa filla. Unha Xustiza que desoiu as súas explicacións e unicamente se quedou coas desastrosas xestións que fixo no seu nome, mais sen a súa sinatura, o avogado do seu ex marido.
Agora, tres meses despois daquel fatídico día no que non foi desaloxada grazas á presenza na súa vivenda de boa parte da súa familia e amigos, e, todo hai que dicilo, dun nutrido grupo de medios de comunicación, a Audiencia de Pontevedra decidiu revisar o seu caso. Pouco lles importa ós funcionarios que esta muller leve dende o ano 2002 facendo fronte ó pago dunha hipoteca e dende o ano 2004 en tensión continua polos problemas derivados dun procedemento xudicial aberto contra a súa antiga parella, e no que nada ten que ver.
Por fortuna, María Isabel ten o apoio da súa familia e, en todo o proceso, puido ter confianza en que, se a botaban da súa casa, podería trasladarse ó domicilio dalgún achegado. Con todo, ese soporte moral non foi suficiente para levantarlle o ánimo durante todo o proceso. Nin tan sequera o tráxico 14 de maio, cando os funcionarios cegaron á súa casa cunha orde de desaloxo que a obrigaba a abandonar a vivenda pola que levaba oito anos pagando unha hipoteca, pero que foi poxada sen que ela chegase a decatarse por unha débeda contraída pola súa ex parella e pola suposta neglixencia do avogado desta.
Aquel día, tivo a valentía de negarse a abandoar a casa, incluso despois de ser advertida polos funcionarios xudiciais de que se podía enfrontar a unha denuncia por desobediencia á autoridade xudicial e que, de todos os xeitos, debería abandonar a súa vivenda noutro momento, pois xa fora poxada e os novos donos quería ocupala. Grazas a esa valentía e ós continuos escritos e recursos presentados na Audiencia logrou que os xuíces lle deran unha segunda oportunidade e agora decidiran revisar un caso que xa dende un principio é un cúmulo de despropósitos.
“Estou a pagar unha hipoteca e táchanme de mera ocupante, póñenme na rúa e dinme que xa non teño nada”, critica Isabel aquel día. Agora sostén esta postura e así llo explicará ó xuiz ó que lle sexa asignado o seu caso.
Agora terá oportunidade de explicar que a casa foi adquirida como bens gananciais a unha tía de María Isabel no ano 2000, pero dende a ruptura da relación sentimental no ano 2002, é ela a que asume o pago da hipoteca. Vivía tranquila ata que no ano 2004 recibiu unha notificación de embargo polas supostas débedas que asumira o seu marido, do que estaba separado de feito. O primeiro que ela fixo foi falar co pai da súa filla, e este asumiu o pago do avogado que en teoría estaba a arranxar a situación. Sen embargo, a primeiros deste ano 2008 descubriu que o letrado a enganaba cando lle aseguraba que estaba a arranxar o tema. O problema é que xa era demasiado tarde, non a puxera ó corrente do proceso xudicial nin lle explicara que o primeiro paso que debía facer era divorciarse legalmente da súa ex parella para que os seus delitos non lle salpicasen. E a casa xa fora subastada ás súas costas.
A raíz de todos estes feitos, María Isabel interpuxo unha denuncia contra o letrado, mais non pode olvidar que a súa delicada situación actual no é so culpa do avogado, senón dunha Xustiza que non actuou coa suficiente dilixencia nin sequera lle deu a oportunidade de explicarse.