AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios)



Nós, os infectados: VIH, Virus da Intolerancia Humana

Javier ten 35 anos. Fai 8, poucos meses antes de que chegase o novo século, déronlle a noticia que cambiaría a súa vida: era portador do VIH, algo que nunca pensou que lle ía ocorrer a él. Apenas varios amigos saben "a sua" verdade. Tamén a súa nai e o seu irmán. E ninguén máis. Sabe que contalo é condenarlle ao ostracismo.

PONTEVEDRA, Estrella López/AGARESO.- "Eu estudara unha carreira. Estaba empezando nunha empresa na que se me presentaba un bo futuro. Tiña amigos, viaxaba todos os veráns e gustábame xogar ao tenis. Nunca me drogara, como moito, un porro con algúns compañeiros de facultade nunha noite tola. Tampouco mantiven relacións sexuais con homes, pero aí estaba, flotando nas miñas veas. Acompañándome polo resto da miña vida", asegura Javier.

A ignorancia da xente e o medo a un contaxio imposible "fan que as persoas se afasten de ti coma se tiveses a peste, aquela, a do Medievo, a que diezmou á poboación europea". O seu contaxio, como o de moitos outros, chegou a través dunha relación heterosexual. "Miña noiva, daquela, foi a que me transmitiu o virus. Digamos que non lle gustaba bailar soa. Cando se foi e me deixou foi cando comecei a sospeitar que non estaba ben, que algo me pasaba. E coñecín a alguén, que como eu, tamén "bailou" con ela e abriume os ollos".

Javier continúa na súa empresa. Foi logrando escalar postos, aos poucos, como o resto dos seus compañeiros. Segue xogando ao tenis. Casou e fai tan só uns meses foi pai. "Custounos moito. Tivemos que realizar varios procesos de fecundación in vitro ata lograr o noso obxectivo. Foron uns meses duros, pero ao final a vida deunos un agasallo". Él e a súa esposa son conscientes de que co VIH tamén se pode vivir. E non só iso. Levar unha vida normal. "Agora son un doente crónico. Empecei con 11 pastillas diarias e agora tomo dous, unha pola mañá e outra pola noite. En breve, quizais me reduzan a dose e poida optar a tomar a nova pastilla única que acaba de chegar a Europa".

"Sei que estou doente, como éstáno moitas outras persoas no mundo de moitas outras doenzas. Eu non elixín esta situación, pero teño que vivir con ela. Teño sorte porque, malia todo, o meu mal contrólase ata certo punto, mentres outras doenzas non... Só agardo que, quizais algún día, alguén atope unha cura e que todos os momentos tristes pasen a ser historia".

Como Javier, 14.000 galegos viven co virus do VIH no sangue. En asociacións como CCanvihar, de loita contra o VIH, asesóranlles e apóianlles. A eles e á súa familia. A mediados de maio presentábase en Pontevedra unha nova delegación de CCanvihar, situada na rúa Sor Lucía e denominada "A Casa Azul". O seu director xeral, González Culler, insiste en que é hora xa de deixar a un lado os estereotipos e de que a sociedade asuma que os novos infectados son, nunha gran maioría, mozos que se contaxian a través de relacións heterosexuais sen protección.

Ademais de poñer en marcha plans de prevención, tamén ofrecen apoio socio laboral ás familias, atención e acompañamento a domicilio e atención psicolóxica e xurídica. "Temos dúas liñas de traballo: por un lado a atención ao paciente e ás súas familias e por outro a sensibilización social para a doenza e en especial, a súa prevención".

Neste último aspecto, a asociación intenta traballar para unha mellor concienciación da sociedade sobre este tema e polo tanto, para evitar a estigmación e a descriminación do portador. "Son xa 25 anos de existencia desta doenza que, en especial é grave polo rexeitamento social que supón. A xente segue apartándose dos infectados e segue pensado cousas raras sen necesidade". Neste senso, segundo explicaron os responsables da asociación CCanvihar, "seguen existindo problemas no ámbito laboral, xa que moitas persoas foron discriminadas por confesar a súa situación sanitaria. Isto leva a que sexa un mal silencioso do que non se fala para non ter problemas".

Recoñece González Culler que mentres as terapias avanzaron "moitísimo" nos últimos 10 anos convirtindo ao paciente nun doente crónico, "as barreiras sociais non puideron ser superadas porque, cando se coñeceu a existencia deste mal realizáronse unhas políticas de prevención erróneas, enfocadas para colectivos especiais en lugar de para prácticas específicas. Así, moita xente creu que hai estratos da poboación que están exentos do contaxio cando, practicamente dende o principio sóubose que é unha doenza que nos pode tocar a calquera".

O director xeral de CCanvihar asegura que non se poden facer distincións de ningún tipo, "nin por razón de sexo, de condición social ou sexual. Calquera se pode infectar. De feito, na actualidade, o maior número de casos de infección estase dando entre os máis mozos que practican as relacións heterosexuais sen protección".

Na actualidade, en España, un 25% dos infectados non saben que o son. "E ao non facerse a proba non poden confirmar a doenza e poden continuar contaxiando a outras persoas. É un círculo vicioso. E todo iso debido á discriminación que existen arredor do VIH, que fai que non se fale del e que se teña medo a acudir ao médico".


Volver arriba

Contacto | Aviso legal | Mapa do sitio |