Conseguir emprego e vivenda son tamén as principais preocupacións dos 3.500 inmigrantes censados en Santiago. Para outros centos, non obstante, é aínda máis importante regularizar a súa situación no país, e así eliminar calquera risco de repatriación. O próximo outono, o concello presentará o seu plan estratéxico para este colectivo. Antes, necesita coñecer cál é a súa situación real.

SANTIAGO DE COMPOSTELA, Luís Pardo/AGARESO.- Se tivese os papeis en regra, Iber xa estaría a traballar. Ao lado da súa casa necesítanse camareiros e para este mozo boliviano, de apenas 20 anos, a arte de servir comidas e carrexar bandexas en perfecto equilibrio non ten segredos. Precisamente niso consistiu o seu último contrato en España. Antes, durante once meses, dende que aterrou aquí co seu tío, traballou en todo o que saía, ás veces "só pola comida". Iber coñeceu a estrada e o campo, "desmontando eucaliptos" lonxe da mirada dos inspectores.
Casos como o de Iber non son novos para Mónica Alzate. Viu moitos nos seis anos que leva en Santiago, dende que chegou de Colombia para matricularse na USC. Agora é investigadora en formación, estuda as variables psicosociais do conflito político do seu país e "nun ou dous anos" espera obter a cidadanía española. Mónica considérase "unha privilexiada", por iso envorcouse en axudar a todos os que cruzan a nosa fronteira nunha situación máis desfavorable. Faino a través da Casa Latinoamericana, unha das asociacións (en total, máis de vinte) integradas no Foro da Inmigración.
Tanto o Foro como o concello estiman que en Santiago residen máis de catro mil inmigrantes. No censo están inscritos 3.536. Un 70% son non comunitarios e destes, a gran maioría, latinos (Colombia leva a palma). Non obstante, cada vez son máis os que viven nos concellos da bisbarra, sobre todo Ames e Teo, a onde marchan buscando pisos máis baratos. Dende xaneiro ata outubro deste ano, 850 persoas pasaron polo Centro de Información ao inmigrante. Sobre todo, preocupáballes como acceder a unha vivenda ou conseguir un traballo. Como a calquera.
Os sen papeis, os indocumentados, están condenados ao limbo, a unha especie de morte civil que só ten dúas saídas: a regularización ou a volta (normalmente, contra a súa vontade) ao seu país de orixe. Para Iber, os papeis son "o soño de todos os inmigrantes". Hoxe, o único que ten é un pasaporte cun visado de turista caducado hai meses. "Se un policía me pide a identificación, xa me meto en problemas. Cunha simple pregunta, pódenme cagar a vida". Aínda que en Santiago se sente máis tranquilo ("será porque hai máis turistas e peregrinos, que non molestan,"), en cidades como Vigo sabe que ten que andar con ollos na caluga. "Camiñas pola rúa con medo... vives como un preso".
"A lexislación case está a asegurar que unha persoa irregular debe continuar así os seguintes tres anos". Mónica é contundente ao explicar como unha oferta de traballo "tampouco garante nada". Unha vez que a teñen, os inmigrantes deben volver con ela ao seu país de orixe para obter o visado. E non llelo darán se non demostran que residiron alí durante os últimos seis meses, "un requisito que non poden cumprir os que estiveron acá conseguindo ese emprego". Por iso, moitos descartan de raíz esta posibilidade e esperan aos tres anos para conseguir un proceso por arraigamento.
¿E que pasa mentres tanto? No traballo, está claro. "Vés sufrir, a acomodarche aos que che contratan". Íber fala dende a experiencia. "Non tes dereito a reclamar: se vas á policía porque te explotan, deteranche a ti porque es ilegal". "Ademais deste risco está a situación de temor, a percepción de persecución. Vívese nun alto estado de vulnerabilidade". Mónica enumera: "non se pode abrir unha conta de aforro, as mulleres maltratadas non poden solicitar os salarios da liberdade ou unha praza nunha casa de acollida, moitos non se atreven a empadroarse para que non os atopen... "
Non obstante, en Santiago, o padrón (e non a carta de residencia) é o único requisito para acceder a axudas "de emerxencia" como as que subvencionan parte do aluguer dunha vivenda. Fronte á postura doutras administracións, a concelleira Mar Martín admite que Raxoi é máis "flexible" con este colectivo. Só co padrón, tamén se pode acceder dende este ano ás axudas para os comedores escolares, coas que se fomenta un triplo obxectivo: "a integración, a escolarización e a garantía dunha nutrición mínima a un colectivo moitas veces necesitado".
Miguel Fernández, de Cáritas (outro dos voceiros do Foro da Inmigración), cre que non hai problemas educativos "especialmente", e iso malia o costume de situar "por sistema" ós alumnos recén chegados un curso por debaixo do que lles corresponde, "o que non é moi lóxico porque lles vai condicionar o futuro".
"Os nenos non teñen os prexuízos que podemos ter os maiores: eles non ven a un moreno ou a un nepalí: ven un neno que lles gusta máis ou menos". Lois Trigo é o director do colexio López Ferreiro, unha especie de ONU educativa na que conviven rapaces dunha ducia de nacionalidades, inmigrantes "pero tamén adoptados". "Convivir co diferente fai que non sexa estraño", asevera. Tampouco os pais poñen problemas a que os seus fillos compartan pupitre con estranxeiros. "En xeral, séntense cómodos. Lévano ben porque traballamos moito con eles. Pode haber algunha pequena diferenza, pero sen chegar a crear conflitos", algo que tampouco lle quitaría o sono. "O conflito é positivo, a cuestión é como o resolves: se o fas de forma favorable, sempre é enriquecedor".
Máis alá da escola, para os maiores tampouco parece que existan problemas de integración "porque son un grupo moi reducido, aínda que senten moitas veces a discriminación cando se lles mira de determinado xeito". Dío Miguel e Íber confírmao: "Disimular a cor da pel é difícil. Na rúa non pasa nada, pero no traballo, se es moreno, igual non te poñen na barra e si de axudante na cociña". Se es muller, a cousa empeora. "Un estereotipo amplamente difundido en Galicia é que as colombianas nos dedicamos, nunha grande maioría, á prostitución, e non é así. Non obstante, iso fai que moitas veces, o simple feito de coñecer a unha muller do meu país fai que se lle asigne esta profesión", sentenza Mónica.
"A integración é un problema das dúas partes", asegura Mar Martín, "non só dos que chegan, senón tamén dos que os acollemos. Posto que non tivemos unha avalancha masiva, temos que facer un esforzo para que esa integración sexa eficaz e evitar que se formen guettos". A elevada presenza de inmigrantes sudamericanos, "os que mellor se integran", impediu que se creasen "grandes bolsas de marxinación".
Dende as eleccións do pasado mes de maio, Martín fíxose cargo da Área de Benestar do concello, absorbendo as competencias da antiga concellaría de Emigración. E aínda que se manteñen actividades específicas dirixidas a este colectivo (como o Centro de Información ou os cursos de galego e castelán), o resto "queremos integralo, porque parcelar intervencións non é correcto: hai que rentabilizar recursos e prestacións, e tanta sectorización non deixa de ser un dispendio de fondos". Para ela, "as axudas que se poden ofrecer a un inmigrante deberían de ser as mesmas que poida recibir unha persoa nunha situación de desprotección parecida".
O Foro non ten queixas deste novo enfoque. "Máis importante que unha concellaría é que haxa vontade por parte da administración de atender as demandas de certo grupo de cidadáns" e, segundo Mónica, "sentímonos ben atendidos e avalados".
A Mar Martín tócalle poñer en marcha a principal reivindicación das asociacións, e que viu aprobado o seu nacemento formal ao final da pasada lexislatura. É o Consello Municipal de Inmigración, "o grande foro de debate dos problemas deste colectivo". Tras constituirse, o pasado 21 de novembro celebrou a súa primeira reunión de traballo, da que saíu un obxectivo claro: a redacción dun plan estratéxico de intervención coa inmigración. A concelleira quere que estea finalizado á volta do verán e encha todas as lagoas que hoxe ofrece a estatística.
"Queremos coñecer a situación real dos inmigrantes e ver qué alternativas podemos ofrecerlles. Necesitamos estudar a realidade para poder planificar de cara ao futuro servizos, prestacións, necesidades,... e aplicar solucións reais ao que nos atopemos en Santiago. Doutra forma, daremos paus de cego, imitando o que se fai noutros sitios".
O Foro, impulsor tamén deste proxecto, terá moito que dicir no proceso. E non poderá deixar de lado un aspecto menos visible, pero cada vez máis importante: o psicolóxico. "Para eles, o primeiro é a entrada: chegar e atoparse en pouco tempo nunha realidade diferente –conclúe Miguel Fernández-. Aínda que normalmente se supera, cando levan máis tempo aquí aparecen problemas para manter esta situación". O peor, os longuísimos períodos de tempo que pasan sen ver á familia. "Ás veces, os españois non o valoramos: non nos paramos a pensar o que supón non poder ver o teu fillo nun ano".
Cando escribo isto, hai apenas un par de semanas que Íber deixou o seu emprego na hostalaría. O seu xefe estaba tan satisfeito que estaba disposto a facerlle un contrato, sen que lle importase a súa situación irregular. Non obstante, Iber cedeullo a alguén a quen lle fai máis falta: seu primo, ao que chamaremos Mario, da súa mesma idade e que mentres les isto xa terá chegado a Compostela para reunirse con él e co seu pai. Mario entrará no país cun permiso de traballo, con papeis, con residencia... "coma un rei", conclúe Iber cun sorriso. A él, non obstante, quédanlle por diante outros dous anos de espera ata que poida obter a residencia por arraigamento. Iso si, se antes ninguén lle caga a vida.