O 83 por cento dos policías de base de Afganistán son analfabetos e descoñecen as leis que teñen que aplicar e a maior parte deles son corruptos e abusan da súa posición. Intentar poñer fin a esta circunstancia que provoca que boa parte da poboación se sinta insegura e loitar contra a sensación de desamparo está agora en mans dun pontevedrés, o cabo primeiro da Gardia Civil Xoaquín Cortizo, que o pasado 12 de marzo se desprazou ata o país afgano dentro dunha misión policial da Unión Europea (EUPOL) que ten como obxectivo contribuír ao desenvolvemento e establecemento dunha policía moderna no país afgán.
Pontevedra/AGARESO/ Natalia Puga. -
Cortizo permanecerá neste país aínda cinco meses máis, ata marzo de 2009, co obxectivo de mellorar a seguridade dunha poboación que nos últimos sete anos tivo que sufrir a denominada ‘Operación Libertad Duradera’, na que Estados Unidos e os países aliados invadiron e ocuparon o país alegando a tránsito cara a democracia, e unhas eleccións salpicadas por rumores de fraude. A súa tarefa, xunto a outras 200 persoas, 170 delas integrantes dos corpos policiais de distintos países europeos, será mellorar a calidade de vida dunha sociedade na que a violencia está presente en cada recuncho, na que os talibáns se rearman, na que a produción de opio e heroína alcanza niveles desproporcionados e na que as mulleres siguen tapadas por un ‘burka’.
A pesar de que o seu traballo no destacamento de motoristas da Plana Maior do Subsector de Tráfico de Pontevedra lle gusta moito, son as misións internacionais as que apaixonan a este cangués de 42 anos, que solicita participar en todas cantas pode e defíneas como "unha experiencia incrible, tanto profesional como persoal, pois é moito o que se aprende e se vive traballando con persoas doutros países". Boa mostra diso é que a de Afganistán é a súa terceira misión no exterior. As dúas anteriores foron en Bosnia.
Aínda que o Cuartel Xeral da misión está establecido en Kabul, esta conta con equipos repartidos por diversas provincias de todo o país. Este é o caso do liderado por Xoaquín Cortizo, un grupo integrado por catro españois que está establecido na provincia de Badghis. O día a día da vida deste pontevedrés non é fácil, pero, coa axuda dun especialista que traduce ós inglés os idiomas do lugar (Dari e Pastún), está a lograr a confianza dos líderes policiais e políticos da zona, e o seu equipo dá pequenos pasos que axudan ó cumprimento da misión e dun dos obxectivos que máis lle interesan persoalmente: mellorar as condicións de traballo das mulleres Policía (cinco en total en Badghis).
Xoaquín Cortizo organiza o traballo do equipo semanalmente, aínda que cada día debe facer fronte a novos desafíos. Unha xornada normal da súa vida en Afganistán empeza moi cedo e apenas lle deixa tempo libre. Algúns días dedícaos a manter reunións con líderes policiais, sociais ou políticos, mentres que outros son os acontecementos os que mandan. Cando sucede algo relevante ten que facer un seguimento, xa sexa de incidentes nos que está inmerso algún policía ou como resposta ás solicitudes de apoio de calquera institución. En xeral, realizan funcións tanto de control xeral do funcionamento da Policía, como de supervisión e vixilancia de obxectivos máis concretos como o Departamento de Investigación Criminal, facendo un seguimento do traballo de campo dos policías adscritos a este servizo (en especial do Departamento de Crimes Contra a Muller). Ademais, supervisan as distintas Comisarías da cidade, os checkpoints de entrada á cidade ou as prisións e, como obxectivo inmediato, ten a supervisión e modernización do sistema legal.
A oficina e residencia de Xoaquín está establecida na base do PRT (Equipo de Reconstrución Provincial) do Exército español na capital de Badghis, Qala e Naw, por motivos de seguridade, os mesmos que limitan os seus movementos fóra da base, de onde sae exclusivamente para traballar, en vehículo blindado, e nunca só. Esta circunstancia obrígalle a agudizar o enxeño para manter o corpo e a mente ocupados e empregar o seu tempo libre en ler, facer deporte e mellorar o seu nivel de inglés. Ademais, conéctase a Internet sempre que pode para falar coa súa muller, coa que leva casado 20 anos, e a súa filla de 17 anos, ás que agradece que lle apoien nas súas aspiracións, pois "aínda que non lles faga moita graza que salga de misións, saben o que representa para min. A pesar deste contacto permanente coa súa casa, bota moito de menos á súa familia e tamén o mar, un dos seus grandes amores (é submarinista deportivo).
Nestes momentos, o proxecto estrela no que está inmerso o equipo de Xoaquín Cortizo é o establecemento dunha moderna brigada de Bombeiros en Badghis, onde os especialistas en extinción de incendios son policías. Para poder levar a cabo este proxecto cóntase coa "colaboración inestimable" do Exército español e de José Antonio Torres, un vigués membro da ONG Bombeiros sen Fronteiras, que "está a realizar un labor encomiable" conseguindo material para dotar á brigada de Badghis de todo o necesario para levar a cabo o seu traballo, pois non teñen ningún. Torres conseguiulles un camión totalmente equipado.
REPORTAXES ANTERIORES
A sociedade ourensana orfa dun ser excepcional
O laboratorio autobiográfico da liberdade
Contos para formar pequenos cooperantes
Obxectivo Kenia: nacer sen VIH
Cando Galicia toca o corazón do Sáhara
¿Está deshumanizada a Xustiza do século XXI?
Recios estereotipos distancian as mulleres africanas das europeas na filosofía de vida
Voluntarias galegas remiten unha epistola dixital con aires da outra beira do estreito
Os “piratas do mar” danlle a volta á lenda
Em vésperas do novo congreso mundial sobre VIH/Sida na Cidade de México
"La Mara 18": Cando os presos fanse co control da prisión
A Asociación Juan XXIII: "Viaxe ata o medio século de compromiso no planeta da integración
O envés do top manta, segundo Cunqueiro
Nós, os infectados: VIH, Virus da Intolerancia Humana
Piso, papeis, traballo... A inmigración en Compostela