AGARESO (Asociación Galega de Reporteiros Solidarios)



Agareso efectua un salto á realidade da muller magrebí

AGOSTO 2008.- A expedición de AGARESO desprazada ao norte de Marrocos concluíu o periplo acadando importantes obxectivos para todos os axentes implicados neste proxecto de cooperación. A gravación de entrevistas, testemuños e escenarios, onde se producen ou localizan os problemas da muller traballadora marroquí, concederon a oportunidade de avanzar na profundizacion dunha realidade a tan só 14 quilómetros do sur da peninsula. Foron oito dias de intensidade, paixón e emoción por desenvolver coa máxima plenitude a profesión do xornalismo no seu xénero máis solidario.

Os cinco reporteiros partiron coa proposta de recopilar o maior grao de información en formatos audiovisuais, gráficos e escritos. Visibilizar as intervencións na realidade da muller magrebí proxectadas pola ONG Amarante foi todo un onbxectivo prioritario. Ao seu regreso, confirmaron que as cousas funcionaron moi ben. Foi posible case todo, grazas ao esforzo de todos. Creceu o grao de accesibilidade informativa as desigualdades da muller como traballadora das fábricas do textil ou gambas e a súas dificultades para desenvolver a faceta de nai. Pero, a clave dos bos resultado estivo nas actitudes, comportamentos e, nalgúns casos, saber renunciar a tempo na intención de obter algún material.

Os lazos entre ambas beiras do estreito son cada vez máis curtos. O desenvolvemento deste proxecto, iniciado pola ONG Amarante, permitiu a outras organizacións de acción social contar en que estado se atopa a cooperación emitida desde Galicia. As posibilidades de transportar unha realidade e visibilizarla noutra vai ser posible a través dun documental xornalístico que, este ano, será presentado nas principais cidades galegas ¿As protagonistas? Elas, as mulleres da loita en silencio. As incansables traballadoras dunha sociedade de lentos avances. En definitiva, eses seres humanos que pola súa condición soportan unha longa lista de desiquilibrios na súa contorna.

Polo tanto, a expedición de Reporteiros Galegos Solidarios: Carlos Fariña, Teresa del Río, Roi Palmás, Miguel Núñez e Juan de Sola comezaron a traballar na post produción deste traballo audiovisual. Será acompañado por unha exposición sobre como e en que condicións se rodaron as principais escenas do documental. Só haberá que esperar uns meses para avaliar definitivamente este proxecto e certificar a súa máxima rendibilidade. Pero, polo momento, AGARESO cumpriu obxectivos no Magreb, ambicionando xa responder a outros coa mesma dedicación e entrega.



Volver arriba

Contacto | Aviso legal | Mapa do sitio |