Redacción (Agareso).- O bloqueo imposto por Israel segue sendo "o principal obstáculo" para a mellora das condicións de vida na Franxa de Gaza, cuxa poboación experimenta "altos niveis de angustia, inseguridade e sufrimento social", segundo se desprende dunha serie de estudos monotemáticos elaborados sobre o terreo por un grupo de expertos médicos e publicados este venres pola edición dixital da prestixiosa revista médica británica 'The Lancet'.
O informe destaca que a operación 'Chumbo fundido' lanzada por Israel contra a Franxa de Gaza entre decembro de 2008 e xaneiro de 2009 tivo efectos "desvastadores" na poboación. "Estímase que durante o ataque israelí contra o territorio ocupado da Franxa de Gaza, efectuado entre o 27 de decembro de 2008 e xaneiro de 2009, morreron 1.400 persoas e moitas máis resultaron feridas", ademais de rexistrarse "unha destrución sen precedentes de infraestruturas, incluídas as vivendas," sinala o documento.
"O ataque israelí contra a Franxa de Gaza tivo efectos negativos na calidade de vida dos adultos" e causou "altos niveis de angustia, de inseguridade humana e de sufrimento social," prosegue o informe conxunto.
"O bloqueo desta rexión segue sendo o principal obstáculo á mellora das condicións de vida e da calidade de vida da poboación e supón unha prioridade á hora de actuar", declarou un dos autores do informe, Niveen Abu-Rmeileh, do instituto de Saúde Pública e Comunitaria da Universidade de Birzeit en Cisxordania.
O bloqueo de Israel á Franxa de Gaza rexe dende mediados de 2007, cando o Movemento de Resistencia Islámica (Hamás), gañador nas eleccións palestinas do ano anterior, se fixo co poder en Gaza tras a ruptura da súa alianza política con Al Fatá e a expulsión das forzas de seguridade vinculadas a esta segunda formación. Ao Fatá goberna actualmente en Cisxordania baixo o mandato da Autoridade Palestina, presidida por Mahmud Abbas, e Hamás mantén o control de Gaza.
O Programa de Nacións Unidas para o Desenvolvemento (PNUD) informou de que tres cuartas partes das vivendas, os edificios e as infraestruturas que resultaron danados durante a ofensiva israelí continúan sen reparar e advertiu de que o maior obstáculo para a recuperación de Gaza é o bloqueo, que só permite a entrada dos bens que Israel considera "humanitarios", coas conseguintes restricións ao material de construción necesario para a recuperación da zona, como cemento, aceiro e cristal.