O editor do programa 'Xornalismo Social', Adrián Arden, cuestionou o feito de que os medios latinoamericanos non teñan en conta "a voz dos nenos" á hora de elaborar información relacionada cos menores. "Hai que dar un maior protagonismo ós nenos e escoitar fontes diferentes", recomendou no marco da súa participación no II Encontro Internacional Proniño organizado pola Fundación Telefónica en Lima (Perú).
(28-09-2008) Redacción/AGARESO.- Con motivo da súa presenza na mesa redonda 'A infancia nos medios', Arden lembrou que os menores "só" protagonizan o 4 por cento das noticias publicadas na prensa argentina. O experto lembrou que, no 2007, a prensa argentina apenas dedicou un 1 por cento da información a temas relacionados coa infancia.
Neste senso, Arden lamentou que os xornalistas "só busquen datos de impacto" e que profunden en aspectos como a violencia ou a educación, "deixando de lado" outros temas como a discapacidade, o traballo infantil ou a sexualidade das menores.
Pola súa banda, o coordinador da Rede ANDI América Latina, Carlos Wilson de Andrade, enumerou os principais retos aos que se enfronta o tratamento informativo da infancia como a escasa variedade das fontes --xa que só se recorre á información gobernamental-- ou o abuso de termos pexorativos. Precisamente, recentes estudos elaborados por ANDI revelan que os medios latinoamericanos dedican moito espazo á cobertura informativa da infancia, "espazo que non sempre se traduce en calidade".