A ONG Amarante incorpora á súa rede de comercio xusto moda elaborada en condicións de respecto aos dereitos humanos e feita con produtos de orixe biolóxico. Nun comunicado, a organización confirma que as pezas, tanto home como de muller, foron deseñadas por cooperativas do sur.
(06-06-2008) Redacción/AGARESO.- A ONG Amarante xa ten na súa tendas a nova colección de roupa de comercio xusto procedente das cooperativas dos países do sur – Nepal, India e Brasil - e coa que quere perfilar unha segunda liña de consumo responsable xunto coa de alimentación xa requirida pola clientela de comercio xusto.
Ao mesmo tempo, este colectivo afondará nesta nova liña de traballo, en materia de sensibilización como complemento ao traballo de denuncia que se fai desde a Campaña Roupa Limpa sobre as pautas de produción do téxtil nos países do Sur.
O Proxecto Creative Handicraft da India, Mahaguthi Craft do Nepal e Costur Art do Brasil dos que proceden a maioría das pezas da colección de roupa de primavera-verán que distribúe, na súa tendas, Amarante, son importadas pola Cooperativa IDEAS coa que a ONG ten un convenio de colaboración, e que instruye a profesionais do deseño téxtil en países do Sur.
Entre as pezas escollidas, pódense atopar vestidos nepalís e hindús, confeccionados na maioría dos casos por cooperativas de mulleres con fráxiles economías; pantalóns sport, pantalóns curtos, capas, camisas, pantalóns de pana e algodón, tops, camisetas Itapua, saias e vestidos, etc.
Pola súa banda, a web www.comercioxusto.com, unica web especializada en consumo responsable en Galicia e que xestiona Amarante incorporou recentemente unha tenda on-line. Asemade a web recolle información e iniciativas en favor do Comercio Xusto.
Asemade, Amarante esta a ultimar os traballos para o traslado de local a finais do presente mes. O novo local / tenda de Amarante en Pontevedra estará ubicada no número 8 da Praza da Verdura. Este cambio supon unha nova etapa na que Amarante tras consolidar un entorno social e de clientes importante, quere aproximar as suas actividades e o comercio xusto aos cidadáns de Pontevedra. A inauguración terá lugar o sábado día 28 de Xuño.