Bendir Hadya é un soldado na reserva. Loitou coa Fronte Polisario desde o ano 1978 e, desde o alto á lume, traballa como condutor-guía para o Goberno saharauí á espera de retomar as armas como único camiño para recuperar o seu territorio. Co muro construído polas marroquís como telón de fondo, contextualiza o conflito saharauí na fronteira entre ambos territorios.
SÁHARA, Natalia Puga y Lara Varela/AGARESO.-
Pregunta: Estamos moi perto do muro... ¿Podería explicarnos que se ve e que queda oculto trala barreira de area?
Resposta: Vimos o muro, estivemos perto, a 75 metros, 80 máximo, e o que vimos son alambradas que o protexen dos animais, das persoas que non saben nada da estratexia militar e poden ser vítimas dunha mina por accidente. Pero estes cables non o rodean todo, a pesar de está todo minado con explosivos antipersona, anticarro, antitanques... Detrás, hai un elevamento de area e unha cava que os militares marroquís poden usar para desprazarse entre as súas bases protexidos dos tiros. Detrás, hai un metro de elevación e outra cava para circular. Ao cabo de todo están as bases construídas para vixiar a presenza do inimigo, que somos nós. Esta garda está sempre erguida detrás dun asentamento con material militar, con canóns, morteiros, mísiles e tanques. Todo ao longo do muro hai unha base grande e, a 500 metros, unha pequena. Descoñezo o número total das que hai.
P: ¿Cantos soldados marroquís vixían o muro?
R: Só podo dicir que a cantidade dos marroquís no muro non é fixa. Agora, co alto ao lume non son tantos como durante a guerra pero sempre, sempre son moitísimos. Por proporción, un soldado saharauí é igual a once de Marrocos.
P: ¿Cantas minas hai?
R: Non o podo dicir pero sei que son de diferentes países: americanas, francesas, españolas...
P: As marroquís levan trinta anos construíndo esta barreira e seguen niso...
R: O muro foi construído en distintas etapas e creo que levan seis niveis de protección, están empezando o sétimo. Tardaron moitos anos porque a Fronte Polisiario intentou parar a construción porque divide un pobo en dous e un país en dous. Ademais é perigoso para os animais. O pobo saharauí é coñecido por depender do gando que ten e co muro poden ser un día vítimas da minas, por iso o Polisario intentaba parar esta vergonza que as marroquís están a facer.
P: ¿Segue a haber accidentes?
R: Sí. Non teño un número concreto pero hai moitos. Escoitei falar de moitos accidentes con persoas vítimas de minas, animais mortos, nenos mutilados. Cada ano podemos dicir que hai de sete a nove, a pesar de que hai moitas vixilancia, podemos dicir que a xente ten bastante información das minas. Pero os accidentes espérannos e as minas non perdoan.
P: ¿É posible calcular o número de presos saharauís?
R: Penso que durante a liberación destes presos foron soamente 65 saharauís e estou seguro, moi, moi seguro que son moitos. Durante unha historia de guerra que durou moitos anos cunhas tropas que loitan durante día e noite, os perdidos, os presos, os mortos son dos dous lados. Conseguimos durante toda a historia da guerra máis de 65 presos marroquís, entón do noso lado temos que reclamar máis porque sabemos que as marroquís colleron moitos máis. Nós liberamos a todos os presos que tiñamos.
P: Falas dun conflito longo, pero aínda non terminou. ¿Que pasará agora?
R: O que pasará espéranos. Eu, individualmente, o que coñezo é que a paz non deu nada, que non pode garantir nada, que os países non ven a imaxe real da causa saharauí ou a ven e esquécena e non queren dicir a verdade. Para min, seguir a guerra é mellor que a paz porque se pode acompañar en paralelo coas negociacións e buscar unha solución pacífica. Estamos sempre nun inferno, nun exilio e as marroquís aproveítanse da riqueza do Sáhara. Iso non é xusto.
P: ¿Como viven os saharauís que resisten á outra beira do muro?
R: Viven baixo a represión marroquí e son xente que realmente quere ser independente un día pero coa presenza das marroquís non poden dicir o que queren porque poden ser presos, detidos, desaparecidos ou vítimas da tortura. Viven baixo un represión imperdoable e non poden dicir nada.
P: Se isto segue como ata agora, ¿o pobo saharauí podería chegar a desaparecer?
R: O pobo saharauí non desaparecerá na vida porque xeración tras xeración os pais deixan a historia aos fillos e estas aos seus e a historia saharauí continuará ata o día da independencia, que chegará rapidamente.
P: ¿Que lembras dos teus días de soldado?
R: Os soldados sacrificamos a vida para defender o noso territorio e a nosa vila e estamos preparados para morrer un día. Prefiro morrer defendendo á miña nai, as miñas irmás, a miña terra, a miña riqueza que vivir baixo un represión de Marrocos ou doutro país do mundo.
P: ¿Que opinas do presidente do teu Goberno, Mohamed Abdelazid?
R: O noso presidente é exemplar non hai outro igual ao noso. É realmente humano e saharauí e un presidente que loitou antes e durante a presidencia. É un home fiel á causa, un gobernante sen gardacostas porque pode garantir a súa propia protección.
P: ¿Que deixaches ti detrás do muro?
R: O meu pai foi inmigrante en Mauritania e eu non nacín no Sáhara, non vivín a historia da colonia española e a guerra ata 1978 e 79. O meu pai foi un beduíno, tiña moitos camellos e moita riqueza animal, entón non me faltaría nada. Cando en 1978 entrei no Polisario, a miña familia dixo: “somos saharauís, o noso fillo se foi e temos que ir tamén” e veu comigo. Agora vivimos como todos os saharauís, dependendo de axudas humanitarias. Os saharauís non terían por que vivir como fano hoxe, nun deserto, dependendo dun quilo de arroz, un litro de aceite. Temos moitas riquezas e poderiamos vivir como moitos outros pobos, pero a situación é esta.
(Fotografía de Pelu Vidal na que o militar da Fronte Polisario, Bendit Hadya, exhibe un dos elementos de defensa dos que dispón o exercito a esa beira do muro no Sáhara)